Fabulatorio quere experimentar nas capacidades que ten o libro como obxecto para comunicar significados; investigar na relación íntima entre a súa forma e a transmisión e a posta en valor do seu contido.
Fabulatorio é unha experiencia editorial coa vontade de producir de maneira responsable, coa pequena e mediana industria local, optimizando procesos e publicando con prezos de venda razoables.
Fabulatorio nace tamén coa convicción de que o valor do global reside no local. Quere establecer unha comunicación global consciente de que o local é o que diferencia e lle dá autenticidade a esa comunicación. A dimensión do ‘local’ estará presente tamén nos contidos, tanto coma espazo de difusión para autores e creadores, como na investigación en temas e ideas que poidamos considerar de interese no noso contexto, sen renunciar a que reverberen do mesmo xeito noutros lugares e noutras realidades.
Para Fabulatorio, o local será tamén producir e desenvolver proxectos editoriais coa industria do prelo e cos profesionais máis próximos, nunha dinámica de aprendizaxe e intercambio de coñecemento mutuo e leal, interesada en acadar resultados gráficos e editoriais de calidade.
Desexamos que Fabulatorio, a través dos libros, sexa un lugar de encontro de sensibilidades e de intereses comúns. Gustaríanos, no 2024, facer nosas as palabras que Anxo Casal lle dirixiu a Rafael Dieste no ano 1928 co gallo da presentación da editorial Nós: “En NÓS estamos todos: uns sabemos xa do noso enrolamento e outros coma vostede, que tamén son da compaña, témolos a bordo aínda que non se teñan decatado”.
Fabulatorio, 2024