• Boas Noites Jesus Madriñan Fabulatorio Cover Photobook
  • Boas Noites Jesus Madriñan Fabulatorio Cover Photobook
  • Boas Noites Jesus Madriñan Fabulatorio Cover Photobook
  • Boas Noites Jesus Madriñan Fabulatorio Cover Photobook
  • Boas Noites Jesus Madriñan Fabulatorio Cover Photobook
  • Boas Noites Jesus Madriñan Fabulatorio Cover Photobook
  • Boas Noites Jesus Madriñan Fabulatorio Cover Photobook

Boas Noites
Jesús Madriñán

Prezo ¥5,900

«Boas Noites» é unha colección de retratos tomados en locais de ocio nocturno no rural galego. Esta serie, nacida como continuación profesional e vital da serie «Good Night London», pretende documentar a realidade deses espazos acompañando os retratos con imaxes da natureza que os rodea realizadas a poucos metros dos locais.

 


[...] A mocidade está disposta a todo por pertencer, por ser acollida no grupo. Son migrantes, chegaron ao seu corpo como a un novo territorio; un territorio descoñecido cuxa exploración pende do outro. A viaxe non foi fácil: atravesaron a indefensión ante a realidade, a carencia de respostas, o adeus á infancia, o adeus á protección, á casa. O mundo vólvese o territorio das certezas cando antes era o das confianzas. Todos os límites escachan. Os lugares da infancia son os teus lugares, o adolescente é un ser expropiado do espazo que foi seu. Todo de súpeto é alleo. Tamén o noso corpo resulta alleo. Está de máis, está de máis mesmo dentro de si; a miúdo incómodo, a miúdo irascible. Tendemos a esquecer coa idade o valor que nos foi necesario, a incerteza, o esplendor, o desexo, a forza orgánica que nos impulsou ao encontro do outro. Porque a mocidade só se pode atopar no outro; o outro é quen nos desvela, o que nos retrata. Sexa o outro o amor, ou as substancias que desartellan a vella orde da infancia e nos abandonan ao azar de pulsións descoñecidas. O tempo comeza a contraerse, é a hora da urxencia; da insatisfacción, todo é necesario. Por iso, cando miramos estes retratos, ollamos, en certa maneira, nun espello crebado. Parte dos seus fragmentos reflicten o que algún día fomos e dorme en nós, coma unha pantasma que nos interroga sempre: quen es ti?; que fixeches de ti? E esa é unha cita ineludible da idade adulta. Dalgunha maneira, estes mozos miran aos ollos do adulto que serán un día: e nese sentido a súa ollada, a súa pregunta, é demoledora.

 

— David Pérez Iglesias (Extracto do texto Emerxen do escuro, como flores da noite)


Cunha formación en Belas Artes e fotografía, e avalado por numeroso galardóns e exposicións nacionais e internacionais, o artista Jesús Madriñán (Santiago de Compostela, 1984) inspírase na súa propia experiencia e no contexto que lle rodea para crear as súas obras. A súa produción xorde da necesidade de articular visualmente as ideas e reflexións que lle asaltan en situacións correntes e aparentemente anódinas.

 

Visualmente rechamantes e impecablemente rematadas, as fotografías de Madriñán resultan atractivas e fascinantes grazas á súa honestidade e proximidade. Con todo, o maior logro do seu traballo non reside en captar a atención do espectador, senón en conseguir mantela coa fin de que a imaxe se converta nun portal a través do que propoñer reflexións de índole máis íntima e profunda.

 

Tras uns inicios vinculados ao deseño gráfico e á imaxe publicitaria, Madriñán centrou os seus experimentos máis recentes na subversión da fotografía de estudio, desbordando os seus parámetros tradicionais co obxecto de explorar a sutil liña que delimita realidade e ficción. As súas obras nútrense da contradición derivada de empregar técnicas previsibles e minuciosas en situacións inevitablemente espontáneas e inaprehensibles. No seu traballo, o artista explora os procesos de construción da identidade xuvenil recorrendo a un formato clásico -o retrato- pero situándoo fóra do seu contexto habitual.

 

Paralelamente, as personaxes de Madriñán pertencen a un segmento de idade fuxidío, amplo e en constante redefinición: a mocidade. A elección dun grupo poboacional tan concreto débese, por unha banda, á filiación xeracional do artista e, por outra, á vulnerabilidade e desprotección con que estes mozos se presentan fronte ao obxectivo. Os xestos, actitudes e expresións dos modelos derivan directamente daquilo que eles mesmos deciden mostrar ou omitir, sen que exista mediación nin condicionamiento por parte do artista. Trátase, xa que logo, dunha mocidade despoxada de calquera idealización, real e tanxible, confusa, fragmentaria e transicional que, malia todo, posúe unha entidade propia.

 

A nivel conceptual, o artista compostelán desafía a tradición do retrato occidental ao desacralizar conscientemente un xénero ligado a riqueza e ao poder, pero ao mesmo tempo subvirte tamén a condición do retrato coma documento unicamente descriptivo. O retorno á fotografía analóxica, o elevado custo da técnica empregada e a fugacidade do contexto impoñen unha limitada marxe de erro que fai que cada apertura do obturador se converta nun salto sen rede para o fotógrafo. Os parámetros susceptibles de ser controlados -a intensidade da luz, a distancia de enfoque- calcúlanse minuciosamente; todo o demais é froito da espontaneidade. En consecuencia, cada retratado é sempre voluntario, sempre anónimo e sempre irrepetible.

 

A primeira vista as imaxes de Madriñán poden asemellarse a pinturas tenebristas barrocas ou a antigas fotografías familiares en branco e negro, coa diferenza de que a través delas Madriñán interrógase a si mesmo e exponnos a unhas miradas directas, intrigantes, curiosas e a miúdo inquisitivas que xamais ofrecen respostas definitivas. Os seus retratos non buscan a reportaxe informativa senón a radiografía emocional.

 

As imaxes de Madriñán posúen o magnetismo da discordancia, derivada da contradición entre tema e acabado. A serenidade e quietude que emanan desafían ao espectador e invitan á evocación, posto que o seu afastamento da anécdota as sitúa a unha distancia na que os temas tratados se converten en universais. As súas figuras deveñen así en personaxes atemporais dun universo desacougantemente familiar no que resulta inevitable preguntarnos se a súa antificialidade e soidade son tamén as nosas.

 

— Monse Pis Marcos

 

 


Jesús Madriñán


www.jesusmadrinan.com

 

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e cun Máster en Fotografía pola escola Central Saint Martins (Londres)

 

A traxectoria de Jesús Madriñán conta con numerosas exposicións individuais, entre as que destacan: «La finca», Festival Menotrentuno, Italia, «Looking for Something», We Are Arts Gallery, Londres, «Slow Motion»,Centro Torrente Ballester, Ferrol, ou as adicadas a súa serie «Good Night London» no Centro Cultural Kavlin de Punta del Este, Uruguay, e nos Centros Culturais de España en México D.F. e Montevideo.

 

Ademáis, ten participado en prestixiosos festivais e feiras de arte como Photoespaña, Paris Photo, ARCO ou os International Photography Awards de Nova York, destacando entre as súas exposicións colectivas: «Contexto crítico. Fotografía española del s.XXI», comisariada por Museology (Rosa Olivares, Alberto Sánchez Balmisa), e organizada polo Ministerio de Cultura no «Espacio Promoción del Arte. Tabacalera» (Madrid), «P2P. Prácticas contemporáneas en la fotografía española», comisariada por Charlotte Cotton, Luis Díaz Díaz e Iñaki Domingo, e organizada por Photoespaña, ou «Edita: Secuencia/Sentido», comisariada por Miguel von Hafe para o Centro Galego de Arte Contemporánea.

 

A súa vez, Jesús Madriñán compaxina a súa práctica coa docencia (profesor asociado na Universidade Autónoma do Caribe, Colombia), e realizando encargos comerciais para The New York Times, ABANCA, Florentino, e a axencia de publicidade Shackleton.

 


Ficha técnica 


Ref:

f.06
Título: Boas Noites
Publicado: 30/07/2015
Tirada: 350
Numerado: Si
Asinado: Si
Fotografías: Jesús Madriñán
Textos: David Pérez Iglesias

Traducción inglés:

Thomas Mallet

Helena Miguélez Carballeira

Edición:

Cibrán Rico López

Jesús Vázquez Gómez

Deseño: desescribir
Páxinas: 92
Tamaño: 210 x 270 mm
Idioma: Galego / Inglés
Impresión: Offset + verniz mate 
Encadernación: Tapa dura
Tipografía: Chronicle Text / Display

Papeis:

 

Gardapat Kiara 150 g/m²

Olin 90 - 120 g/m²

Curious traslucents 112 g/m²

Pop Set Black 120 g/m²

Cuberta:

Tela Setalux

Corvon

Imprenta: Agencia Gráfica
Encadernadora: Legatoria
ISBN: 978-84-940115-5-9