Desprender no sono / Alice Oswald
Primeiro espello / Olalla Cociña
Prezo
25€
Prezo unidade
per
Oferta de lanzamento
Os envíos comezarán no mes de maio
FABA é a colección de poesía de Fabulatorio. Cunha linguaxe editorial e gráfica contemporáneas, FABA propón un catálogo de afinidades entre a poesía galega máis singular e a obra de poetas influentes do resto do mundo. Unha escolma que procura ser unha obra en si mesma, unha serie de libros que queren acompañar, unha presada de sementes para levar na man.
FABA #1 — Desprender no sono / Alice Oswald
Tradución de Jesús Castro Yañez
Desprender no sono é o primeiro libro de Alice Oswald que se traduce ao galego. Nas súas páxinas quedan máis que patentes as virtudes da autora: unha sensibilidade profundamente ecolóxica, un dominio maxistral do ton e do ritmo, a atención á tradición oral e a intelixencia sensorial coa que comprende o territorio, mesmo a escalas históricas e ata xeolóxicas.
«O desafío que propón a poesía é o de deixar a linguaxe aberta para que o que aínda non coñecemos poida atravesala», afirma Oswald. A maioría destes poemas gravitan arredor do punto exacto en que se produce algún tipo de cambio, suceden ás veces nun estado de transo e outras nun momento de tránsito, pero sempre parecen estar celebrando esa mutabilidade da vida que poñen de manifesto.
Alice Oswald, talvez só por detrás de Anne Carson, é unha das maiores renovadoras da poesía clásica, que reinterpreta e subverte con destreza. A segunda metade de Desprender no sono e tamén a parte máis espectacular do libro, titulada Titono e subtitulada 46 minutos na vida da aurora, é un longo poema narrativo que toma como punto de partida un mito grego e está feito para lerse no tempo que lle leva á noite volverse día nun amencer de verán. Interesada no que das palabras irradia, máis que na súa solidez, Oswald é creadora dunha obra que pide ser lida de viva voz.
Alice Oswald
Alice Oswald (Reading, Reino Unido, 1966) é unha das poetas contemporáneas máis destacadas: os seus libros mereceron galardóns coma o T.S. Eliot ou o Griffin Poetry Prize, e foi a primeira muller en ocupar a prestixiosa praza de profesora de poesía na Universidade de Oxford.
Con formación en linguas clásicas e xardinaría, Oswald amosa en libros como Dart, Memorial, ou A Sleepwalk on the Severn un profundo interese e respecto polos substratos, recolle paciente e atenta o que medra da terra e das palabras.
FABA #2 — Primeiro espello / Olalla Cociña
Primeiro espello intérnase aínda máis nos vieiros que Olalla Cociña xa fixera seus hai unha década en Vestir a noite, o que ata o de agora era o seu último libro de poemas: os relustros poderosos e algo amargos deses instantes de memoria que, cando se conquistan, aloulan pola súa intensidade, lóxicas inesperadas que se revelan evidentes unha vez que foron enunciadas.
O libro de Olalla Cociña inscríbese na literatura do onírico sen limitarse a transcribir a percepción dislocada dos soños, os seus contornos enganosos, senón querendo alumar a rareza deses cristais cunha luz distinta a través da súa incorporación ao poema. Son textos que sempre pesan moito menos ca a impresión que deixan, privilexian esa clase de sensación que vai esponxando, que medra por dentro e que precisamente é máis grande porque nunca se expón de todo.
Como sinala Ildefonso Rodríguez no preámbulo aos poemas, Olalla Cociña é unha escritora que suspende límites, traslada sentidos, vai cara ao inestable e o intermedio. «Nin durmidas podemos deixar de ser quen somos», apunta un dos versos, pero na súa escrita, Cociña tamén se desdobra continuamente, sobrevóase, obsérvase desde o teito do cuarto cando dorme. Estraños ángulos de cámara, unha intuición que se esguella para non se facer familiar de máis, para non ser allea ao traballo que dá recoñecerse.
Olalla Cociña
Olalla Cociña (Viveiro, 1979) desde o 2004 publicou libros como Libro de Alicia, Ningún precipicio ou Vestir a noite, nos que alterna momentos de visión estartelada con escenas coma intuídas por un ollar apenas entreaberto. Os seus versos forman un xardín domesticado na xusta medida, delicado pero medio silvestre, alucinacións en flor que abanan nunha febre mansa. Coorganizou o ciclo de lecturas poéticas Picaversos en Santiago de Compostela e formou parte da banda Atrás Tigre. Licenciada en Xornalismo, dedícase á docencia.
Ficha técnica
|
Ref: |
f.28 /f.29 |
| Título: |
Desprender no sono / Primeiro espello |
| Publicado: | 01/05/2026 |
| Tirada: | 500 |
|
Textos: |
Alice Oswald / Olalla Cociña |
| Editor colección FABA: | Jesús Castro Yáñez |
| Deseño: | desescribir |
| Páxinas: | 88/68 |
| Tamaño: | 112 x 194 mm |
| Idioma: | Galego |
| Impresión: | Ófset |
| Encadernación: |
Rústica Forro tela / Estampación |
| Tipografía: |
Lexicon
|
|
Papeis: |
Arena Natural 120 g/m² |
| Imprenta: | Agencia Gráfica |
| Encadernadora: | Legatoria |
| ISBN: |
979-13-990100-6-0 979-13-990100-7-7 |